20 de novembro de 2007

25 de Novembro. Día Internacional contra a Violencia de Xénero.


DOMINGO, 25 DE NOVEMBRO DO 2007
ACUDE ÁS MOBILIZACIÓNS CONVOCADAS POLA MARCHA MUNDIAL DAS MULHERES





Vigo
, ás 12hs saída de Urzaiz (entrada a Príncipe).
A Coruña , ás 12hs no Obelisco.
Ferrol Terra, ás 12hs, Praza de Galiza, en Narón.
Pontevedra
, ás 12hs Praza "8 de marzo".
Costa da Morte, ás 12hs na Praza "8 de marzo" en Cee.
Compostela ás 12:30 na Praza "8 de marzo".


PODEMOS ACABAR COA VIOLENCIA MACHISTA CADA QUEN DESDE A SÚA RESPONSABILIDADE

25 de novembro,Día Internacional contra a Violencia de Xénero


Son moitos os cambios nos últimos anos: novas leis, programas específicos nas administracións, visibilización nos meios de comunicación, distinta valoración na opinión pública, novos valores nas relacións persoais... aínda así, o número de mulleres asasinadas, as denuncias de mulleres agredidas e as condenas por agresións, seguen aumentando. E o que é aínda máis preocupante, a violencia machista perpetúase na xente máis nova.

Somos conscientes de que muitas estruturas económicas (Banco Mundial, Fondo Monetario Internacional, multinacionais...) , estruturas políticas (G-8, gobernos, exércitos...), e estruturas relixiosas (Vaticano, conferencia episcopal española, aiatolas, imáns, consellos relixiosos...) están mantendo e perpetuando unha organización patriarcal da sociedade onde se encontra enraizada a violencia machista. Unha realidade implantada en todo o planeta, e que mostra a súa face máis descarnada en situacións de guerra, tráfico de persoas e explotación sexual.

Aínda así, desde a Marcha Mundial das Mulleres temos o convencemento de que para rematar coa violencia, non chega coa denuncia e loita contra todas estas institucións e estruturas. Partindo da nosa realidade máis inmediata, fai falta que confluamos nunha mesma dirección todos os sectores sociais que aspiramos a transformala,
porque cada quen debe analisar e asumir a responsabilidade que lle corresponde para rematar con esta lacra social :

*As organizacións políticas e as persoas que teñen responsabilidades e presenza nas administracións e nos poderes públicos , que deben tomar consciencia de que este non é un problema só daqueles departamentos, secretarías, concellalias... específicas, senón que é algo que atinxe de xeito global a todos os estamentos e implica reformulacións organizativas e de "boas práticas", destinando máis recursos para a aplicación das leis, creación e mantemento de servizos de atención e recuperación das vítimas, aplicando consecuentemente políticas de prevención e compromenténdose, máis aló do papel, nas políticas de igualdade. Enfrontándose aos grupos políticos que dean o seu apoio a alternativas ou práticas sociais, económicas, relixiosas e culturais que niguén a igualdade de dereitos para todas as persoas e favorezan relacións de marxinación e opresión.

*As persoas que traballan nos medios de comunicación, tanto públicos como privados, que teñen a responsabilidade de elaborar e divulgar unha información obxectiva e libre de estereotipos sexistas, tanto en relación coas vítimas de violencia como a visibilización das mulleres en todos os ámbitos sociais. Asumindo a responsabilidade que lles corresponde na creación dunha opinión pública inspirada nos valores da igualdade.

*Os sindicatos, que teñen a responsabilidade de loitar contra a segregación e a discriminación no mundo laboral e de asumir a defensa da seguridade e a saúde de todas as traballadoras e traballadores. Deben aplicar unha perspectiva de xénero na sua acción sindical, utilizando todas as ferramentas na loita contra a discriminación, e o acoso, e na mellora das condicións laborais, especialmente dos sectores máis precarizados e vulnerábeis, tanto no ámbito rural como no urbano. Correspóndelles, como un dos máis importantes axentes sociais, un papel fundamental na sensibilización social a prol da igualdade, a corresponsabilidade e de rexeitamento do machismo e a misoxinia.

*A comunidade educativa, que ten a responsabilidade de detectar e atallar, no seu ámbito, actitudes machistas e situacións de violencia, formando en valores de igualdade, solidariedade, xustiza, liberdade e paz. Xerando dinámicas própias de renovación pedagóxica que garanticen unha educación en igualdade.

*O movimento veciñal, cultural, ecoloxista... que conforman un tecido social moi activo no noso país e de compromiso transformador, que teñen a responsabilidade de transmitir e aplicar os modelos de igualdade na hora de elaborar as súas alternativas, a súa práctica e o seu modelo organizativo, monstrando a súa solidariedade e irmandade co feminismo.

* As persoas crentes, que tenhem a responsabilidade de rexeitar o machismo e a misoxinia que emana, tanto das estruturas relixiosas, da doutrina, ou dos textos sagrados, buscando un novo modelo de espiritualidade que non perpetue a exclusión e opresión das mulleres.

* Os homens, que teñen a responsabilidade de amosar o seu rexeitamento, no día a día, ás actitudes machistas, desenvolvendo novos modelos de masculinidade, implicándose na sensibilización e concienciación social pola necesidade dun novo modelo de relacións afectivas e sexuais baseadas no respecto, a igualdade e a liberdade. Asumindo a corresponsabilidade no coidado (crianzas, persoas enfermas e de idade, traballo doméstico...), tan imprescindíbel para as persoas.

As mulleres, que temos a responsabilidade de non perpetuar un sistema que nos marxina, de rexeitar unhas relacións baseadas na sumisión e na desigualdade, que debemos implicarnos no proceso de empoderamento individual e colectivo, criando alianzas e cumplicidades que nos axuden a avanzar.

PODEMOS ACABAR COA VIOLENCIA MACHISTA CADA QUEN DESDE A SÚA RESPONSABILIDADE




Sem comentários: