5 de março de 2009

8 de Marzo. Día Internacional da Loita Feminista

Descargar o arquivo



ACTOS DA MARCHA MUNDIAL DAS MULLERES

8 DE MARZO, DIA INTERNACIONAL DAS MULLERES

Un ano máis a Marcha Mundial das Mulleres na Galiza mobilizarase este 8 de Marzo, Día Internacional das Mulleres, para reivindicar e esixir cambios que melloren as nosas condicións de vida e conquisten e consoliden dereitos que nos son negados.

Este ano, ás mobilizacións convocadas en todo o país polas diferentes coordenadoras da Marcha, farán referencia a como nos afecta ás mulleres esta crise de dimensións múltiples: de traballo, de acceso aos alimentos, enerxética, medioambiental e financeira, consecuencia do sistema capitalista e do neoliberalismo, da avaricia sen límites, da falta de transparencia e de control social que configuran a realidade fianaceira mundial.

Queremos convocar a toda a cidadanía a unirse as nosas loitas e reivindicacións, neste momento máis ca nunca, no que nos atopamos na Galiza ante a toma do poder dun partido político que non considera os dereitos das mulleres, os servizos públicos e as políticas sociais como unha prioridade nas súas actuacións.

[Clicar acima da imaxe para ampliar o cartaz]


ACTOS POR COMARCAS

PONTEVEDRA
Sábado 7 de marzo
18 h: Obradoiro na Praza 8 de Marzo.
20 h: Concentración na Praza 8 de Marzo coa actuación das gaiteiras e pandereteiras da Escola de Música Tradicional de Poio.
22 h: Cea de Mulleres no Pazo da Cultura.
00 h: Festa mixta no Pazo da Cultura.

FERROL
Domingo 8 de marzo
12.30 h: Manifestación con saída da Praza Amada García (Edificio Xunta de Galicia) e chegada ao Cantón de Molíns.

A CORUÑA
Sábado 7 de marzo
18.30 h: Videoforum sobre as mulleres ante a crise na Casa Casares Quiroga.
Domingo 8 de marzo
12.30 h: Concentración no Obelisco

VIGO
Xoves 5 de marzo
A partir das 19 h: Campaña de sensibilización e reparto de material na Rúa Principe.
Domingo 8 de marzo
12 h: Manifestación con saída da Praza 8 de Marzo.

OURENSE
Sábado 7 de marzo
19 h: Acto das mulleres e posterior percorrido polo paseo na Praza Concepción Arenal (Xulgado).
20.30 h: Festa na tetería Grandola (Pza de San Marcial) con teatro, danza e música tradicional galego.

COMPOSTELA
Domingo 8 de marzo
12 h: Manifestación con saída da Praza do Toural e chegada á Praza 8 de Marzo.
14 h: Festa-xantar na Gentalha do Pichel.

COSTA DA MORTE
Venres 6 de marzo
19 h: Obradoiro de sexualidade feminina no Salón de Plenos do Concello de Cee.
Domingo 8 de marzo
19.30 h: Recital de poesía e actuación das pandereteiras Millo Verde na Praza 8 de Marzo.
20 h: Concentración na Praza 8 de Marzo.


MANIFESTO DO 8 DE MARZO DO 2009

8 de Marzo Día Internacional das Mulleres
As mulleres traballamos, as mulleres contamos
Non solucionasredes a crise a consta dos nosos dereitos

Todos os anos, o 8 de Marzo, mulleres en todo o mundo mobilizámonos para reivindicar e esixir cambios que melloren as nosas condicións de vida e conquisten e consoliden dereitos que nos son negados. As mobilizacións mundiais este 8 de Marzo van facer referencia a como nos afecta ás mulleres esta crise de dimensións múltiples: de traballo, de acceso aos alimentos, enerxética, medioambiental e financeira. consecuencia do sistema capitalista e do neoliberalismo, da avaricia sen límites, da falta de transparencia e de control social que configuran a realidade financeira mundial.

Hoxe en día ninguén nega que as mulleres en todo o planeta, en maior ou menor grao, chegamos a esta situación de crise con clara desvantaxe. Os organismos internacionais aseguran que de cada 10 persoas pobres no planeta, 7 somos mulleres. Tamén afirman que posuímos só o 1% da propiedade da terra. O patriarcado, que historicamente mantén ás mulleres nunha situación de subordinación, encontrou no capitalismo un grande aliado.

En países occidentais como o noso, as estatísticas nos aseguran que somos maioría no paro, temos máis eventualidade e precariedade no emprego, e cobramos un 30% menos de salario. Esta realidade agudízase no caso das mulleres novas, do colectivo de mulleres ciganas ou mulleres inmigrantes. Somos maioría nos sectores laborais peor valorados e peor pagados, como son o marisqueo a pé, a conserva, o téxtil, limpeza, hostalaría e comercio, agricultura ou no servizo doméstico. Hai que sumar a todo isto que seguimos levando case toda a responsabilidade do coidado e do traballo no ámbito doméstico.

Por iso, este 8 de Marzo, ao mobilizarnos e dirixirnos á sociedade e ás institucións, queremos concienciar e convencer da necesidade de resolver a crise económica superando as limitacións do neoliberalismo e do libre mercado, e facelo con alternativas que fortalezan os dereitos das mulleres e a participación en igualdade na actividade económica.

As políticas neoliberais emanadas dos intereses das grandes corporacións e aplicadas por organismos baixo o seu control (OMC, BM e FMI), concretáronse na privatización de servizos básicos como a sanidade e a educación, de recursos como a auga e a terra, con políticas de dependencia enerxética e alimentaria, destrución de tecidos produtivos... provocando un aumento da pobreza e a desigualdade en todo o planeta.

Asistimos con preocupación á aplicación, por parte de moitos gobernos, de medidas de loita contra a crise, que trasladan grandes cantidades de fondos públicos en axudas a grandes empresas e entidades financeiras. Todo menos intentar un control público das entidades financeiras, ou un novo modelo produtivo ao servizo das necesidades das persoas e non da produción e o consumo sen límites.

Os recursos públicos son imprescindíbeis para garantir os dereitos conquistados ao longo de décadas de loita feminista, para soster as intervencións de loita contra a violencia machista, para manter os servizos básicos como a saúde e a educación, a atención ás persoas dependentes, os programas de educación afectivo-sexual, as políticas de integración...

Tamén sabemos da importancia que ten para as mulleres o mantemento do emprego público para evitar a precarización, para evitar a discriminación no acceso ao emprego e na promoción laboral, para manter mellores condicións laborais, medidas específicas de protección por maternidade ou por ser vítimas de violencia, etc. dereitos básicos que dificilmente conseguimos ou podemos exercer nas empresas privadas.

Nós tamén sabemos botar ben as contas. Todo o diñeiro público destinado a quen amasou e amasa riqueza, vai supor números vermellos para manter os servizos públicos, as políticas sociais ou a creación de emprego. Por iso imos estar atentas, organizadas e activas para denunciar as políticas que reproduzan a exclusión das mulleres da actividade económica, ou que recorten as coberturas sociais que temos alcanzado até o momento. Imos esixir políticas decididas que se aparten da doutrina neoliberal e que aseguren non só a consolidación do que temos acadado até o momento, senón que supoñan un avance en dereitos e en igualdade.

Este 8 de Marzo, Día Internacional das Mulleres, imos estar mobilizadas xunto a moitas outras mulleres do planeta non para pedir unha refundación do capitalismo, senón para esixir o certificado da súa defunción. Porque queremos un modelo económico ao servizo das persoas e non do capital. Porque para o capitalismo son imprescindíbeis a produción e o consumo sen límites, mais para as persoas son imprescindíbeis os dereitos e os coidados.

Marcha Mundial das Mulleres

8 de Marzo Día Internacional das Mulleres

Manifestación en Ferrol, ás 12:30 hras desde a Praza Amada García, diante do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en Ferrol.

marchagaliza@feminismo.info
http://feminismo.info

Sem comentários: